sábado, 5 de maio de 2018

Unha cuestión de alturas


Sempre me fixen eco daquela máxima anarquista, que as categorías son como as lacenas, canto máis altas máis inútiles, pero estaba equivocado. E para proba aí tendes que as oficinas de dirección de calquera empresa están no piso máis alto posible, mentres que no soto fica o almacén dos aparellos de limpeza. Tanto de vasoiras como de maquinaria racha-documentos. Aínda que estas non sempre funcionen ben. Por outro lado, a pesar do molesto que pode ser, encántame subir a unha escada para ver o que se garda entre as mantas de inverno do andel superior dos armarios. Non sei por que, pero alí arriba sempre aparece algunha cousa rara ou dada por perdida, cuxa recuperación tanto nos pode afundir na desesperación como animarnos a dar saltos de alegría. E para demostrar a equivocación daquela máxima, aí está o feito real de que por gravidade todo o lixo cae sempre nas capas inferiores, canto máis abaixo máis lixo. Ou ó revés. E dos aparellos pásase ás persoas, ó asunto ese de vivir no andel máis alto dun edificio, ou sexa, no último piso, tantas veces recoñecido como de valor social, tanto polas vistas como porque a contaminación a ras de chan, sonora ou de gases pesados, non chegue tan arriba, onde a xordeira ós lamentos dos peóns é de natureza xenética entre os seus moradores. Xa o dicía Rosalía, “de tan alto que estaba o bon Deus non me oía”.

O caso é que acabo de saber dun estudio da universidade de Miami (os americanos sempre dando a nota) no que se corrobora experimentalmente isto que, máis ou menos, sabiamos por pura intuición, que os ocupantes das oficinas máis altas non lles preocupa correr riscos financeiros mentres os do soto lle rezan a todos os deuses para que aqueles teñan cabeciña. Anque, falando de aventuras vitais, estes días saía na prensa un tipo que, vivindo nunha choupana, arriscábase da maneira máis absurda a conducir un coche sen carné e en dirección contraria mentres recollía chatarra. Claro que o estudio americano fala de financeiros que xogan con cartos alleos e a noticia galega refírese a un chatarreiro con necesidades primarias, e o nivel económico e social de ambos non ten comparación. Hai quen se aventura por necesidade, quen o fai por gusto, e quen por puro afán presuntuoso. E nisto tamén funcionan os andeis como base do seu establecemento: os primeiros abaixo, os segundos arriba e os outros correndo arriba e abaixo ata atopar o seu sitio.
Tal vez o mellor deste experimento dos americanos para valorar o comportamento da persoa segundo estea arriba ou abaixo, foi meter ós suxeitos da análise nun ascensor e comprobar que cando ían por encima do piso setenta eran máis propensos a arriscar nun xogo de lotería ca cando ían polos baixos. Supoño que se este estudio chega ás casas de apostas non tardarán en poñer os seus despachos nos faiados. Con escadas mecánicas para facilitar o acceso, pero nos faiados.
Significativo foi outro experimento feito entre estudantes dunha facultade –americana- de económicas, ós que se lle pedía que tomasen unha serie de decisións, e resultaba que arriscaban máis os da terceira planta do edificio ca os que estaban a ras de chan. Aínda despois pedíronlle que expresasen o seu comportamento con palabras e os do piso superior escollían aquelas que tiñan relación coa forza e a agresividade. Os outros eran máis mansos.
Tras tal proba empírica quédame a dúbida de se cando vaia facer a declaración da renda hei de procurar un asesor que teña a oficina a cen metros sobre o chan ou a quen a teña a cen metros baixo terra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario