xoves, 10 de maio de 2018

QUE ME DIS DE MARCOS CALVEIRO?


Por Pepe de Rocaforte
            Un amigo que escribe novelas chámame por teléfono:
            -Queríache mostrar unha cousa curiosa e ver a túa opinión. A ti, que coleccionas coincidencias e posibles copias ou plaxios no terreo da arte, hache resultar interesante.
            Quedamos para tomar un café e aparéceme cunha novela: “O xardineiro dos ingleses”, de Marcos Calveiro.
            -Mira: le aquí, na páxina douscentos doce –empeza sen máis preámbulos-. Non é un texto moi longo.
            Leo mentres el me observa expectante: «-Unhas moediñas, guapo –díxome ela con aquela boca fanada súa.
            »-Síntoo, non levo cambio; á volta –contesteille, case sen erguer a vista, de xeito automático.
            »-Aquí estarei, cariño –retrucou ela con descaro.
            »Alcei a vista de casualidade e nese intre recoñecina, malia o esnaquizada que estaba. Eses ollos seus eran inesquecibles; o tempo semellaba que non pasara por eles. Ela, indiferente, deu a volta e dirixiuse cara a un compañeiro seu que, sentado na beirarrúa, chuchaba con ansiedade dun cartón de viño.
            »Era Cristina. Non tiña dúbidas.»
            -Ben, xa chega –paroume o meu amigo-. A ti deiche a ler unha novela que escribín hai tres ou catro anos: “A Praia das Eguas”. ¿Lémbraste?
            -Si. Máis ou menos –Acordábame dunha historia de amor onde o narrador, por volta dos anos, regresa á vila natal en busca dunha amada da época adolescente, de quen perdera todas as pistas, para atopala agora, vella ós corenta anos, desastrada e drogadicta. Nada novo.
            -¿E non che parece estraña esta coincidencia?
            -Home, non, ¿para que che vou mentir? Desgraciadamente ese é un caso moi común. Non é para chamar a atención unha coincidencia entre a obra do señor Calveiro e a túa, por outra parte descoñecida. Porque segue estando inédita. ¿Ou non?
            -Efectivamente: está inédita. Pero por aí xa circulou. Mandeina a un concurso e despois a unha editorial.
            -Sen sorte ámbalas dúas veces...
            -Si, sen sorte. Pero o caso é que xa a leron varias persoas. E o da coincidencia pódese analizar. ¿Que che parece que tanto unha personaxe coma a outra se chamen Cristina?
            -Paréceme un tanto a favor da coincidencia fortuíta. En caso contrario o autor chamaríalle María Pilar, ou Leticia, ou Lila.
            -Semella que non te lembras de Poe e o xogo de damas...
-Pero, en fin, ¿as historias son tan similares?
            -Non. Neste caso o encontro fortuíto coa amada da época escolar só sirve para introducir con calzador unha brillante “morcilla” sobre o narcotráfico en Arousa e a súa desastrosa influencia nas xentes da bisbarra. Unha boa reportaxe nun xornal ou revista, vale. Pero na novela carece de funcionalidade, a non ser para aumentar páxinas e páxinas, coma se así incrementase a calidade do produto. Despois a moza só aparece nas dúas páxinas finais, como na miña novela, pero nunha situación desenvolvida dun xeito radicalmente distinto.
            Decateime de que o meu amigo, tal vez alporizado por outras causas, era moi inxusto cun autor de indubidables cualidades para a narrativa como Marcos Calveiro.
            -Non me amoles, neno –díxenlle-. Tal como eu o vexo, a túa acusación de plaxio paréceme totalmente fóra de lugar, perdóame que cho diga.
            -Non, non –empezou a recoller velas el-. Non falo de plaxio, tan só che ofrezo un curioso caso de coincidencia para que o metas na túa colección.
            -Ah, ben. Así vale.

Ningún comentario:

Publicar un comentario