mércores, 23 de maio de 2018

LIBRERÍAS NA PRAZA MAIOR


Por Pepe de Rocaforte
            Estou sentado ó sol na terraza dunha cafetería no Espolón da Praza Maior, o centro neurálxico, se non xeométrico, daquel Ourense da miña adolescencia. Unha praza pequena e costaneira como saberán vostedes, a única con semellante inclinación en toda a península, segundo me dixo alguén, ou lin non sei onde. Praza harmoniosa, íntima, coma de vila pequena. Ideal para o paseo de veciños desocupados á sombra dos soportais. E para turistas tamén, ¿como non? En particular para aqueles a quen lle agrade admirar un recanto tan fermoso como o formado entre o Museo Arqueolóxico e a escalinata que remata na fachada de Santa María Madre. ¿Onde poden ver algo con maior perfección?
A praza está deserta e silenciosa a estas horas de entre dúas e tres da tarde. O sol da primavera aínda non quenta moito, oculto de vez en cando por unha ou outra nube que navega de vagar cara ó Monte Alegre, e aínda dá gusto sentir o seu peso, mesturado co do silencio nunha especie de conspiración para me levar a evocacións doutra época mentres tomo o café litúrxico de despois de xantar.
E as evocacións tráenme a lembranza das librerías, cuxos escaparates no fondo dos soportais ofrecían ós paseantes as capas tentadoras dos seus libros. Trato de facer memoria de cantas librerías existían alí nos anos da miña mocidade. Recordo a de Resvié, Adolfo Pérez Resvié, no lado que fica á miña dereita, frente á casa do Concello. Máis ou menos por onda ela estaba a Librería Casas, da familia dos irmáns Álvaro e Augusto Casas. E tamén a Librería Álvarez, de José Álvarez Vázquez. Logo, polo mesmo lado onde eu estou sentado, xa case na esquina da rúa que sube para a Praza do Trigo (creo que se chama de Modesto Fernández), estaba outra que ademais de libros vendía imaxes e obxectos relixiosos. Chamábase, se non me falla a memoria, “Librería Cardero”.

Hoxe non queda ningunha delas. ¡Ningunha! Nin sequera aquela pequeniña, na rúa das Tendas, levantada nun oco entre dous saíntes nas paredes da catedral, debaixo da imaxe de San Martiño partindo a capa co mendigo. Unha librería tan pequena que nin nome tiña. Nela aprovisionábame dos libriños da “Enciclopedia Pulga”, a 1,50, 2,50 e 5 pesetas, segundo grosor, e, cando tiña máis dispoñibilidade económica, os “Libros Plaza”, a doce pesetas. Sen esquecer os tebeos (“chistes” chamabámoslle) do “Cachorro” ou “Texas Bill”.
En tales evocacións andaba cando polo lado do Concello que dá á rúa da Barreira sube un grupo de xente, non sei se empregados municipais ó remate da súa xornada laboral ou turistas procedentes dunha visita ás Burgas. O grupo rompe o silencio da praza coas súas conversas. Eu acabo de tomar o meu café e collo camiño do Xardín do Posío.

Ningún comentario:

Publicar un comentario