sábado, 14 de abril de 2018

Un bo encabezamento


  
               

     Imaxinade por un intre a alguén que ó cabo do día recibe tantas cartas que necesita dun secretario que llas cribe. ¿A cal lle vai dar máis importancia despois de ler un feixe de remites descoñecidos?. Suponse que a quen mellor o engaiole. Igual que cando entramos nunha librería a escoller a próxima lectura, que se non nos convence nos primeiros parágrafos o libro fica condenado ó po do andel.
     Por iso teño para min que o seguinte parágrafo ó “Querido”, “Amado” ou “Estimado” dunha carta (ou dun e-mail) é o que realmente vai captar o interese do destinatario, sobre todo cando se trata de pedir algo; máis aínda co corpo da mesma con toda clase de xustificacións e explicacións. Ese primeiro parágrafo ha de levar certa dose de sedución para facerlle notar ó receptor o proveitoso que para el será atender o requirimento do solicitante.
     Podería relacionar aquí as respostas que recibín en contestación a algunha solicitude de información, pero sobre todo podería enumerar o amplo feixe de silencios, daqueles a quen non souben engaiolar e non portaron pola miña curiosidade sobre algún tema, dando a calada por resposta. Son consciente de que algún outro silencio foi por non saber que responder, e os  menos por dirixir a dúbida a unha canle equivocada. Con todo sempre lle botei a culpa, ou polo menos sempre contemplei a posibilidade de que a falta de contestación estivese motivada por non saber chamar a atención cun adecuado encabezamento. Pero tamén hai quen sabe recoñecer o seu descoñecemento modestamente e non por iso deixa de contestar, con humildade e solidariedade, tal como o demostra a carta que conservo de J. L. Sampedro aportándome información sobre un asunto etnográfico que el recolle nunha novela súa, e sen entrar en detalles máis ou menos científicos, si me aporta datos xeográficos e temporais de moita valía.
     Sen dúbida, a arte do ben pedir está nesas primeiras liñas capaces de fascinar, animar e captar a atención lectora. E se se consegue, podemos ter por ben seguro que a carta será lida e atendida de cabo a rabo. Por desgracia, en moitos casos, preguntas fundamentais caeron en saco roto por falta de engado e sedución en parágrafo tan fundamental.
     De quen se di que si soubo escribir un bo encabezamento é do matemático Robert Langlands, a quen en 1967, con trinta anos, xa lle andaba na cabeza o que co tempo sería a súa “teoría das representacións” que tantos galardóns lle aportou, e como naquela idade Langlands era tan só un novato profesor universitario, quixo expoñer as súas dúbidas con alguén máis douto e experimentado, como era o matemático André Weil, a quen lle escribiu o que no mundo das ciencias se considera un encabezamento de antoloxía, a pesares de que a min, despois de lelo e relelo dáme a impresión de que o estado de ánimo de Weil cando lle chegou o carteiro tivo que ter moita influencia:
     “Se desexa lela como unha pura especulación, sentiríame agradecido, e se non estou seguro de que terá unha papeleira ó alcance da man”.
     E si, Weil leu a extensa carta de dezasete folios e contestoulle. Intercambiaron opinións e Langlands, como dixen, acadou ó largo da súa vida os maiores galardóns no campo das matemáticas desenrolando o tema alí exposto. Agora quédame unha dúbida: ¿Que pasaría se Weil  tirase coa carta á papeleira?.

Ningún comentario:

Publicar un comentario