sábado, 28 de abril de 2018

Ser modou modou


Supoño que a Cheikh Fayé o tedes visto pola rúa, nas feiras, mercadiños ou festas do país, e tamén, seguramente, que moitos falastes con el, non máis de catro palabras, para regatear o prezo dun bolso ou dunha pucha, sen saber da súa faceta de intelectual reflexivo e humilde observador da realidade, que está vivindo como emigrante, coa única esperanza de ofertarlle ós seus un mundo mellor.
Esa observación súa desde a condición de modou modou, (emigrante na súa lingua), de quen “escapou da morte pero non da pobreza”, levouno a escribir un blog onde amosar a súa visión da sociedade senegalega; e lendo a selección de entradas publicadas en formato libro pola Asociación sociopedagóxica, vexo reflectidas aí as vivencias de calquera outro emigrante. El mesmo lembra aquel verso de Celso Emilio: “Se os nosos soños son iguais, como un irmán che falo”.
Fayé fala como se falase calquera dos nosos veciños en USA, Suíza, Alemaña ou onde queira que asentaron a súa ansia de prosperidade; dos problemas cos que se encontra un emigrante, das razóns polas que se emigra e de como se organiza esa emigración, da necesidade e do esforzo que supón mandar cartos para a familia, do longo tempo que ha de pasar sen poder visitala para que os fillos poidan ir á escola e non teñan que emigrar, da mesma organización que entre eles teñen, compartindo coche, piso e mercadorías para poder aforrar o imprescindible, para poder mandar de cando en vez, que nin sequera todos os meses, uns euros á casa; fala de integración sen esquecer a fidelidade ós seus principios étnicos, do rexeitamento que un matrimonio mixto, dun negro cunha branca, unha toubab, pode producir, da diferencia de renda entre Galiza e Senegal, e da dignidade que non se mide en porcentaxes comparativas.
Hai un capítulo no que bota contas, e a súa esperanza para ese día é gañar trinta euros, dez para gasolina, dez para repoñer o produto e dez para comer. “A política ignóranos como estranxeiros e a crise golpéanos como pobres” -escribe. Fala dos días de chuvia e paro forzoso, de cando ten que velar dentro do tenderete para que non lle rouben, dos enfrontamentos con energúmenos que se botan a romperlle o posto e de tantos paisanos galegos que os defenden, señoras que lle ofrecen comida e transeúntes que se enfrontan coa policía cando os acosan na rúa reclamándolles os papeis. Non falta a crítica política, pero sen cravar puñais; a reflexión sobre o espazo schengen, “Valados de ferro na terra e de pedra na testa. Inxectándonos medo”; e sobre o trato que se lles dá: “A xente non se manifesta xenófoba pero co seu voto expresa medo”.
El, que se confesa musulmán, cita a autores católicos con profusión (ecumenismo puro) e critica o mal uso que se fai da palabra Xihad, que vén sendo un camiño de perfección, como hai en tantas relixións, baseado na comprensión do outro, pero que os radicalismos deturpan e converten en algo negativo e rexeitable. Fala da negritude e do seu obxectivo para alcanzar un mundo máis solidario, unha “civilización universal”; da influencia recíproca de todas as culturas, da importancia dos idiomas e, ó largo deste libro, escrito en galego, aparecen varios vocábulos na súa lingua materna, o wolof. Un libro no que se destila humanidade, pero sobre todo, para un galego que viviu a emigración de preto, e iso é dicir para todos nós, este libro pode axudarnos a comprender as que pasaron os nosos devanceiros, as que están pasando os nosos mozos e a non regatear esforzos en pro da tan necesaria integración. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario