xoves, 12 de abril de 2018

MONUMENTO Á CERVEXA


Por Pepe de Rocaforte
            Tortosa é unha cidade que aparece como diminuída e medio oculta, medio perdida no mapa de Cataluña, ou polo menos esa é a impresión que en principio me producía a min. Unha impresión falsa como puiden ver despois de ler un pouco da súa historia, ou visitar os seus monumentos urbanos, empezando polo Castelo da Suda, na súa orixe unha fortaleza árabe do século X, palacio real no século XIII e hoxe Parador de Turismo, dominante de todo o perímetro urbano desde a súa situación no alto da cidade. Ou a catedral gótica de Santa María, cunha colosal, a pesar de inacabada, fachada barroca. Ou o Palacio Episcopal gótico. Ou o Colexio de Sant Jaume i Sant Maties, renacentista.
Ou, e párome particularmente nel, o Palacio da Deputación do Xeneral, un austero edificio renacentista do século XVI, á beira do río, no cal se atopaba a Aduana que controlaba o paso polo Ebro e onde se recadaban as taxas polo tránsito de mercancías, tanto as que baixaban á costa, como as que ían río arriba cara ó interior, importantísima fonte de ingresos para a cidade. E párome neste edificio porque diante del non puiden por menos de lembrar a fermosa novela de Jesús Moncada, “Camiño de Sirga”, cuxa lectura recomendo a quen non a coñeza.
 Así e todo, se hoxe se me ocorreu escribir sobre Tortosa, non foi por ningún destes motivos, senón por outro máis vulgar e probablemente sen maior interese para o visitante da cidade. Refírome a unha interpretación popular sobre o monumento á Batalla do Ebro.

Esta obra do escultor catalán Lluís María Saumells foi levantada no ano 1966, como recordo e homenaxe ó exército franquista, sobre un dos piares da ponte que en 1938 fora destruída durante a retirada do exército republicano na Batalla do Ebro.
En marzo de 2016 o Parlamento de Cataluña instou ó concello de Tortosa a retirar o monumento, o cal provocou que en maio do mesmo ano o alcalde da cidade promovese unha consulta entre os seus cidadáns. Na consulta só participou arredor dun trinta por cento do censo electoral tortosino, e á pregunta de se se debía derribar ou non, un sesenta e tantos por cen dos votantes mostrouse partidario da continuación da escultura no lugar onde se atopaba.
Por ese tempo xa foran retirados do monumento a inscrición “Al Caudillo de la Cruzada y de los Veinticinco Años de Paz”, máis outra que dicía: “A la Promoción Ebro de la Guardia Civil”, así como o “Vitor” de Franco, polo cal o concello e a Deputación de Tarragona, estimando que a obra pode ser considerada hoxe como unha homenaxe ós mortos de ámbolos dous bandos, decidiron non retirala do lugar que ocupaba.
Actualmente seica circula un chiste que lle chama “O Monumento ás Cervexas”, porque nel aparecen “La Estrella” (ver foto número 1), “El Águila” (foto número 2) e “Cruzcampo” (na foto número 3 pódese observar a cruz e, detrás dela, só o campo). O meu informante díxome que lle contaran que aínda se poden sinalar dúas marcas máis de cervexas, pero non se lembraba de cales son, nin eu fun capaz de as descubrir. Proben vostedes a localizalas se teñen a vista, e a imaxinación, máis agudas que o trosma que esto escribe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario