xoves, 26 de abril de 2018

LECTORES PARA A ETERNIDADE


Por Pepe de Rocaforte
     




Hoxe traio de novo a esta pantalla unha foto de Don Martín Vázquez de Arce, o Doncel de Sigüenza, non polo seu aspecto de lector feliz, digno de ser lembrado especialmente nesta semana na que se celebrou o Día do Libro, que tamén, senón porque nunha recente visita a Cantabria, puiden observar outra similar figura lectora, de pouco máis ou menos a mesma época que o anterior, ou todo máis duns vinte anos máis tarde.
            En San Vicente de la Barquera atópase un dos dous grandes templos góticos que acoutan a fachada marítima de Cantabria, o de Santa María de los Ángeles (o outro é, naturalmente, o de Santa María de la Asunción, en Castro Urdiales).
            E nesta monumental igrexa barqueireña do século XIII encontrámonos, á esquerda do altar maior, coa capela dos Corro, unha nobre liñaxe local, á cal pertenceu Don Antonio del Corro, nacido en 1472. Este señor acadaría en Sevilla, a onde se trasladou de mozo, a dignidade de Inquisidor, que exerceu “con sumo crédito” combatendo “a malignidade herética” ata a data da súa morte en 1556.
            No testamento pedía Antonio del Corro ser trasladado, unha vez morto, á súa vila natal, para ser enterrados os seus restos a carón de onde están sepultados os dos seus pais, como así se fixo.

            E de xeito similar ó do Doncel de Sigüenza, unha estatua xacente en actitude lectora, considerada unha das máis destacadas esculturas funerarias renacentistas españolas, tallada en mármore de Carrara, coroa o seu sepulcro. O monumento (do cal, para que vostedes fagan comparanzas e saquen as súas opinións, expoño aquí a fotografía, xunto coa máis coñecida do Doncel) é obra de Juan Bautista Vázquez el Viejo.
            A min, cando viaxaba a cidades con liñas de metro, onde noutros tempos circulaba unha boa cantidade de lectores de libros, gustábame axexar as lecturas de viaxeiros e viaxeiras, máis que nada por curiosidade informativa. E o que me pregunto agora é: ¿que libro estará lendo o señor Del Corro? Á vista da súa profesión, supoño que se debía tratar do “Malleus maleficarum” ou outro texto polo xeito, ¿non pensan o mesmo vostedes?

Ningún comentario:

Publicar un comentario