martes, 17 de xaneiro de 2017

Pedras da fortuna baixo as augas.




       ¿Que fai esta pedra branca onde todas son negras?.
        Se por falta de materia prima fose, o normal sería que esta a partisen para facer parte da parede e escollesen para as xambas da porta outra de louza que non rompese tan claramente a estética, ou que escollesen outra dese outro gran máis escuro que vemos. Pero non. Xusto na porta, onde outros colocan a imaxe relixiosa pedindo “Que Deus bendiga esta casa” onde os romanos poñían un amuleto para invocar a fortuna e arredar o mal de ollo, o dono desta casa do vello Portomarín, que hoxe en día permanece asolagada durante a maior parte do ano, colocou unha pedra branca, seguramente para propiciar a fortuna, como xa temos observado en outros lugares.

       Ninguén sabe canta memoria se agocha baixo os encoros. Esta seca vén sendo un repaso ó pasado, un feixe de preguntas e a confirmación do moito que se perdeu naqueles asolagamentos, máis aló da riqueza material.

      Está esta pedra pero tamén hai outras formando parte da cimentación como as que temos observado en algún castro, tal o de Viladonga ou formando parte dos muros de outras casas do noso país.

E coma sempre, estes artigos están abertos ó debate.

Ningún comentario:

Publicar un comentario