venres, 11 de marzo de 2016

O HOTEL ATLANTIC



Por Pepe de Rocaforte
            Alberto Insúa foi un escritor que gozou de certa sona e popularidade alá polos anos vinte do século pasado. Autor de varias novelas de éxito, algunhas delas levadas ó cine en máis dunha ocasión, como “El negro que tenía el alma blanca”, ou “La mujer, el torero y el toro”, hoxe é unha figura case descoñecida na historia literaria española.
            Entre os libros da casa dos meus pais cando eu era neno figuraba un exemplar de “La mujer, el torero y el toro” e do seu autor dicíase que era algo parente dun tío avó meu. Andado o tempo puiden saber que aquel presunto parentesco consistía en que Alberto Insúa era fillo adoptivo de Waldo Álvarez Insua, primo da muller daquel meu tío avó. É dicir: pouco menos que nada. Pero ó mellor ese era un dos motivos polos cales estaba aquel libro na casa e foi tamén a razón pola cal eu me puxen a lela cando aínda non cumprira dez anos.
            Non conservaba practicamente ningún recordo daquela miña lectura infantil e para recuperar sensacións da infancia déuseme agora por volvela ler. Hoxe o máis sorprendente para min é pensar en como, coa idade que tiña entón, fun capaz de tragar esa historia da que non debín sacar moitas cousas en limpo.
Á parte deso, tomei nota destes parágrafos que me chaman agora a atención e dos que non gardaba memoria ningunha: “El Atlantic de La Coruña es un yate de recreo que una sociedad coruñesa le compró a uno de los Rothschild para hacer un club de regatas flotante. Estaba anclado en el puerto, apaciblemente, cuando una noche de borrasca las olas le colocaron en el Relleno. En lugar tan bien escogido y con estabilidad y nivelación tan justas, que la Sociedad, consultados los arquitectos y el Municipio, acordó que se quedase allí. Por estribor mira el Atlantic al puerto. Por babor domina el istmo de la ciudad, cuando los árboles están sin hojas: entonces, desde el puente, rasando con la mirada el Relleno, se ven, en línea paralela, los Cantones con sus casas-linternas y un rascacielos neoyorkino, y en línea perpendicular la Rúa Nueva, la rúa más gallega y más americana de Galicia ... El istmo de La Coruña es tan estrecho, tan “cintura de avispa”, que no se sabe como el tremebundo Orzán, que lo muerde y lo vapulea todo el invierno, no lo ha roto aún. Entre el Atlantic y los transatlánticos podrían tenderse cómodas pasarelas, aéreos puentes de los suspiros...” Etc.

Esta cita fíxome pensar no inminente regreso do Hotel Atlántico a propiedade municipal e non me parecería mal o derribo da fea construción actual para recuperar no seu lugar o primitivo Atlántic, tan a xogo cos dous edificios do lado, o Kiosko Alfonso e A Terraza. Xa sei que hoxe en día as circunstancias económicas non están para tales dispendios, pero non deixa de ser unha mágoa que todo continúe como está.
O que me gustaría menos sería que seguindo o exemplo do concello de Las Palmas de Gran Canaria, que hai xa uns anos, ó pasar a propiedade municipal o edificio dun hotel en boa medida similar ó noso Atlántico, se trasladou a aquel local, eso si, sen deixar de conservar o vello axuntamento da praza de Santa Ana, no barrio de Vegueta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario