mércores, 2 de decembro de 2015

MES DE DEFUNTOS




Por Pepe de Rocaforte
            Hai moitos ditos alusivos ó mes de novembro, agora mesmo venme á memoria o de “ditoso mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés”, pero en relación con este que acaba de rematar paréceme máis adecuado o de “Mes de defuntos”.
            Nos últimos dez días teño presentes tres mortes, unha dentro da familia, as outras a de Xosé Neira Vilas e pouco despois a de Xosé Chao Rego, dúas figuras entre as máis importantes da nosa cultura.
            Con Chao Rego non cheguei ter trato. Recordo, eso si, que alá a mediados dos anos setenta do século pasado, era el crego na parroquia ferrolá de Santa Mariña do Vilar, escribinlle unha carta bastante estúpida por causa dun artigo seu aparecido na Voz de Galicia, ó cal na miña ignorancia fora incapaz de lle entender a ironía triste con que estaba escrito. Respondeume cunhas liñas cheas de amabilidade que me converteron nun incondicional seguidor dos seus traballos.
            De todos eles non podo deixar de ter presente hoxe a súa monumental “Historia do Pobo de Xesús” en oito tomos que, eu ateo, seguín co máximo interese, como o traballo dun crente en quen moitas veces me pareceu albiscar uns tremendos esforzos por conservar unha fe que se lle facía en ocasións difícil de manter. O meu maior desexo a estas alturas é que o seu tránsito resultase apracible.

            De Neira Vilas, ¿qué vou dicir? Nestes días case todo o mundo cun nome na cultura galega se ocupou de darnos na prensa o seu eloxio póstumo. Mesmo tiven o desabor de ver unhas desafortunadas liñas de alguén, sempre empeñado en ser a noiva nos casamentos e o defunto nos velorios, que tivo a ben largar uns orneos discordantes, fóra de lugar e faltos de elegancia, co evidente propósito de levantar polémica e facer soar, do xeito que sexa, o seu nome na rede.
            Pola miña parte, o que vou facer será darme o gusto de reler unha vez máis as “Memorias dun neno labrego”. Paréceme o mínimo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario