luns, 3 de marzo de 2014

A Morena de Laza


Dixéronme que a Morena era unha vaca, pero pórtase coma un touro.
         
Laza está aborrotada de xente. Por todas partes a expectación leva a uns e outros polos camiños do pobo, buscando aquí e aló onde está esa chamada Morena. E aló van cara Cimadavila, un barrio que queda algo arredado do centro, e a onde vai un vamos os demais detrás. E alí a multitude agrúpase arredor duns tipos que portan longos ramallos de toxo, de máis dun metro de longo, ou coleiros de verzas, tamén longos como este servidor nunca outros viu. Noutro lado, un grupo mira as formigas conservadas en capachos, grandes formigas embravecidas polo vinagre con que as encirran os paisanos. Pero da Morena non se sabe nada. Xa os raios de sol alongan as sombras e aquí só hai xente.
Cae o sol. E todos seguen expectantes. E de súpeto, cando o derradeiro raio se agocha tras os montes, para vencer á noite que se aproxíma, aí sae a Morena e todos os veciños e visitantes estoupan nun berro de alegría e temor, de furia e festexo, porque a Morena trae a forza desas vacas que abren a terra e a forza xeradora da vida.

A Morena é unha peza de madeira que simula a cabeza dunha vaca, cos seus cornos, portada por un mozo tapado cunha manta, que corre perseguindo ás mulleres, mentres aqueles que portaban o toxo e os coleiros dirixen ó grupo que corre desenfreadamente diante dela dándolle cos seus longos paos co fin de agrupalos onde lles convén, ou abrir paso cara algún incerto lugar. E ó lado da Morena, os paisanos anímana con palabras que nos lembran que esta celebración é unha celebración da vida, uns dinlle que non se poña nerviosa “que xa vas ó boi”, outro dille “tes a todo o macho para ti”, e mentres tanto ela encorna a canta muller atopa e cos seus cornos trata de erguerlles as saias para deixalas coas vergoñas ó aire. ¿Por que?, ¿porque é unha competencia?, ¿porque para a vaca o sexo é para xerar vida e a muller tamén o emprega para outros menesteres?. Corre a Morena no medio de todos e a catarse é total.

E tras este desenfreado correr chegamos  ó centro da vila, onde unha nube de fariña e formigas caen sobre todos os presentes, benzón de fariña branca como a pureza, mesturada con formigas piconas, como a vida mesma, onde o ben e o mal se mesturan onde todo forma parte da natureza e onde nós, embadurnados de tales elementos sentimos que a vida volve ó mundo e que, anque chova, o inverno xa rematou. 
E daquí imos a visitar Os troteiros de Bande

Ningún comentario:

Publicar un comentario