venres, 24 de xaneiro de 2014

Un home coméntalle ao seu compañeiro de butaca a danza dunha bailarina.

Por Pura Tejelo

                    As bailarinas teñen  o corpo esforzado pola disciplina e o sacrificio.  Os seus perfís  son o debuxo dunha nota musical, precisos, elegantes.
                    Pero fíxate naquela .  A da esquerda, esa que se aproxima , agora. O corpo desta muller, míraa, contempla o que estamos vendo.  Hai unha pequena redondez á altura da nádega, onde rematan as coxas, unha curva suavísima, biolóxica , unha pequena reserva natural, tan sensual.  Mesmo  sobe á  altura das súas  cadeiras, imperceptíbel, pero  que fai que a súa danza  sexa tan diferente. Creibel.  O seu corpo non  é demasiado alto e a delgadeza non é extrema, é a muller na xusta idade.  Podemos  supoñer que foi reprodutora, por iso  é aínda máis apetecíbel.  Observa o seu ventre, cantas veces soñaríamos ti mais eu cun ventre así, como unha suave almofada . No centro o embigo,  agora cando se estira e alza os brazos,  o ventre tórnase tan plano que confunde, como o das adolescentes, pero mira, qué tranquilidade, qué seguridade, cando se agacha e retorna o seu aspecto natural. Debe ser como un lugar en que soñar cercanías. Se  vas levando as mans polo seu corpo tópaste con que se vai estreitando . Poderías bailar con ela , pórlle un brazo arredor do van e levala polo salón adiante para a  envexa de todos.  Magnífica.  A unha muller así gustariame bañala, e ter unha esponxa diferente para cada parcela do seu corpo.
                    Agora sente este pianísimo, tantan, tantan...( E ía seguindo  coa cabeza a música. Eu asentía compracido e cómplice).
                 Un corpo novo ten músculo, pero ela, ten color. Os focos de luz douran un trozo de carne mais ca outro, como unha escultura con sombras.  Con relevo. Por iso a súa danza é tan completa.  Redondea as notas, os pasos. O compañeiro de baile faino en zigzag pero ela é unha auténtica espiral de música vivida. Arrastra. Respira. Escoita, é como se latese perto de nós.
              Ten as pernas interminábeis que se prolongan ate o brazo cando o levanta . Sabe o que está facendo. Dos pés á cabeza.  A punta dos dedos  teclearon tormentas e ceos de verán, por iso  aproveita ese paso, tan solemne, tan cercano que dá calofrio e á vez desexo, porque non inhibe parte ningunha do corpo.  Deixase ir.  É a madurez , amigo.  Unha profesional,  en plena madurez.  Máis ou menos  como a túa e a miña, que xa sabemos mirar todo.  En perspectiva, na súa completa  harmonía. Todo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario