venres, 27 de decembro de 2013

O día dos inocentes

                      


Nestas datas non pode faltar o dato simpático no día dos Santos Inocentes, que se celebra o 28, con todo tipo de bromas e burlas, coincidindo co mesmo día no que os Romanos celebraban o día da xoldra durante as súas Saturnais, a chamada festa dos escravos, durante a que estes vestían a roupa dos amos e tamén eran servidos por eles, unha especie de troco dos roles sociais e que nada ten que ver coa coñecida matanza dos inocentes promovida por Herodes, a cal, segundo os datos históricos, nin foi tanto nin tal como nos din, pois só se debeu a un augurio que lle fixeran ó magnate, de que un fillo seu lle ía quitar o trono, e daquela decidiu matalo. Pero nin moito menos foi unha matanza tan multitudinaria como se conta.
E igual que facían os romanos, en Galicia era costume trocar os roles sociais na figura dos nenos, vestíndoos con roupas a modo de bispos e outras figuras con intención grotesca, tal de papas ou reis, os chamados Papa dos tolos, e permitíaselle que ese día deran ordes e incluso se lles obedecía, ata que o bispado de Mondoñedo prohibiu tal costume no 1669.
No lugar de Ferreras de Arriba, na provincia de Zamora, aínda se conserva un festexo chamado a Mascarada de inverno, que se celebra cada 28 de decembro, e ten como personaxes principais o Diabo, a Filandorra, a Madama e o Galán, representantes, os dous primeiros do feo e os segundos do bonito, do mal e do ben, das tebras e da luz. Son personaxes que poden entrar nas casas perseguindo ós veciños a quen lles botan borra ou manchan cunha cortiza queimada os primeiros, mentres que os segundos colocan un sombreiro sobre o patriarca de cada casa en sinal de felicidade. Son reminiscencias daquelas mascaradas que xa se celebraban nas Saturnais romanas.

Na catedral de Mondoñedo consérvase esta pintura mural que representa a matanza dos inocentes tal e como nola narra o Evanxeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario