venres, 26 de xullo de 2013

O día dos avós

Aínda non se decidiron os grandes almacéns e centros comerciais por impulsar a celebración do “día dos avós”, tal vez porque cadra en plenas vacacións de verán e os compradores están a outra cousa; ou por estar en rebaixas de verán e iso non garante suficientemente o negocio. Pero as entidades promotoras do consumo neste primeiro mundo de tarxeta de creto e papel de celofán, aínda moverán terra e ceo para adaptar esta data dalgún xeito. Á fin, o santoral ten esa vertente profana que adapta a figura ás necesidades económicas, e o que antes era un negocio exclusivo da Igrexa, agora esténdese ó gremio dos tendeiros.
Celebra o iconográfico e panteísta mundo occidental o festividade dos país da Virxe María, san Xaquín e santa Ana, dous vellos que ían quedar sen descendencia ata que un anxo lles trae a boa nova de que efectivamente, a pesar dos anos e do tempo pasado, van ser pais dunha nena, resaltando as posibilidades que a divindade ten contra todo prognóstico e contra as leis da natureza,  
Deles non falan os evanxeos canónicos, senón os apócrifos, pero aínda así ocupan o seu lugar no santoral e esténdense as iconas coa figura dos santos avós, dun san Xoaquín con turbante e dunha santa Ana de rostro engurrado aprendéndolle a ler á filla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario