domingo, 14 de xullo de 2013

A advocación do Carme

            As xentes do mar, desde antigo, honran a deuses, divindades ou santos que tiveron algunha relación coa súa profesión, tal é o caso de san Pedro, santo André, san Bartolomeu ou santo Adrián, e así, as parroquias mariñeiras, de antigo teñen por patrón a algún destes santos, e só naquelas parroquias da beiramar nacidas despois do Concilio Vaticano II (arredor de 1960) escolleron para patroa á Nosa Señora do Carme.
            E ¿por que esta advocación da Virxe vén a erixirse en patroa absoluta do mariñeiros?. Pois só polo escapulario, consistente nun anaco de hábito carmelita colgado dunha fita.
            Segundo a lenda foi a Virxe María quen aló polo comezo do século XIII se lle apareceu ó eremita Simón Stock no monte Carmelo, en Palestina, dicíndolle que todo aquel que morrese co escapulario pendurado do pescozo, non sufriría as penas do lume.
            A orde carmelita converteuse a partir deste intre na protectora dos obreiros que tiñan oficios de alto risco, tal como os mineiros, que baixaban ós pozos co escapulario, pero a partir do século XVI, cando santa Tereixa e san Xoán da Cruz refundan e estenden a orde, acóllense a ela, maioritariamente os mariñeiros, e a Virxe do Carme aparece en iconografías salvando almas do purgatorio e náufragos que agarran o escapulario que a Virxe lles bota como se fose un cabo que os salva.
            E, desde abril de 1901 a Virxe do Carme é patroa da Armada española.

Ningún comentario:

Publicar un comentario