venres, 28 de xuño de 2013

San Pedro de Coucieiro

                                    Xa temos ó san Pedro pedindo paso, ó barbado santo que porta as chaves do ceo, unha de ouro e outra de prata, unha para representar ó día e outra para representar á noite e ambas para amosar a universalidade da mensaxe de Cristo. Pero un dos símbolos máis curiosos deste apóstolo encargado de continuar a tarefa de Cristo, é o galo, un símbolo que moi raras veces vemos nas iconografías galegas.
            A cousa foi, que, segundo nos contan os evanxeos, san Pedro, vendo o moito que maltrataban ó seu mestre camiño do Calvario, colleulle medo a dicir que el era dos seus, e entón negou ata tres veces que tivese nada que ver con aquel, e entón, cantou un galo, e lembrou aquilo que Xesús lle dixera na cea, cando el se amosaba como o seu eterno defensor, o amigo que daría a cara por El diante de quen fose: que antes de que o galo cante, ti hasme de negar tres veces. E así, ó cantar, o galo anuncia un novo amencer triunfando sobre a morte de Cristo, pois nese intre Pedro (nesa hora aínda non era santo) decatouse do mal que fixera e a partir de entón si foi o grande defensor da mensaxe de Cristo.
            Por iso esta imaxe de Coucieiro, en Muxía, pon un galo a carón do primeiro Papa e pai da Igrexa. Unha iconografía moi rara en Galicia, tanto, que esta é a única imaxe que eu coñeza na que san Pedro se acompaña dun galo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario