xoves, 6 de xuño de 2013

Responso a santo Antonio, para atopar as cousas perdidas

Xa está santo Antoniño ás portas, a penas uns días e o vindeiro día trece encherase o país de festas para honralo. Xa sei que nalgún sitio hanlle levar os animais a bendicir, cando el só é o das casadeiras e o das cousas perdidas, pero é igual, o caso é saír da igrexa co convencemento de que ó can, ó gato ou ó porco non lle vai entrar nin un catarro. A iso chámaselle fe. Pero fe tamén é invocar ó santo para que nos axude a atopar as cousas perdidas, con algún dos coñecidos responsos que a devoción popular aprende para eses casos, tal aquel que di:
San Antonio de Padua,
que en Lisboa naciches
e en Padua predicaches,´
cando estabas a predicar
viñéronte chamar
que a teu pai ían aforcar.
Do púlpito te baixaches
o breviario perdiches,
e a Virxe que cho atopou
tres veces te chamou:
Antonio, Antonio, Antonio
vólvete atrás
que o breviario atoparás
o perdido será achado
o morto resucitado
e o preso liberado
Tres Avemarías e un Painoso.
            Heivos confesar da miña sospeita sobre a eficacia deste e doutros responsos polo estilo. ¿Non será que o santo, para gañar méritos nos agocha as cousas e despois fainas aparecer?.

Ningún comentario:

Publicar un comentario